Touro e O Pino impulsan o ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre I’ para “abrir portas no mercado laboral”

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe xunto cos alcaldes de Touro e O Pino, Ignacio Codesido e Manuel Taboada, o obradoiro que durante 9 meses formará a 20 alumnos dos dous concellos en Actividades Auxiliares en Viveiros, Xardíns e Centros de Xardinaría.

Fonte Díaz. 06/10/2017. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos alumnos-traballadores do Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre I, que formará durante os vindeiros nove meses a 20 desempregados dos concellos de Touro e O Pino. Rodeiro estivo acompañado polos alcaldes, Ignacio Codesido Barreiro, e Manuel Taboada. O encontro celebrouse na Casa da Cultura de Touro.

O Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre I está financiado pola Conselleria de Economía, Emprego e Industria, e o seu equipo docente está composto por unha directora, dous mestres da especialidade, dous mestres de formación complementaria e un auxiliar administrativo. Está dotado cun investimento de 280.000 euros, dos que 148.000 euros farán frente a salarios, e está previsto que conclúa en xuño de 2018. Ao remate do curso, os alumnos-traballadores recibirán un certificado de capacitación profesional con validez en todo o Estado que lles habilita para empregarse na especialidade de Actividades Auxiliares en Viveiros, Xardíns e Centros de Xardinaría.

Ovidio Rodeiro destacou que o “obxectivo é dar formación a persoas desempregadas para logren reincorporarse ao mercado laboral”. Engadiu que “grazas a estes obradoiros os beneficiarios terán a posibilidade de acceder ao mercado laboral”. O delegado da Xunta na provincia da Coruña sinalou a importancia da colaboración entre os concellos de Touro e O Pino na loita contra o desemprego, “unha tarefa na que estes dous alcaldes están a dar unha lección a favor do emprego e da colaboración nesta materia coa Administración autonómica”. Destacou o “bo traballo dos dous concellos” e animou aos seus alcaldes “a seguir traballando”. Tamén aproveitou para destacar que o traballo do obradoiro servirá para poñer en valor os espacios verdes de Touro e O Pino. Os obradoiros de emprego que agora se poñen en marcha na provincia da Coruña suman 440 desempregados e son un total de 24. Únicamente 16 son iguais ao de Ulla-Tambre I, con unha formación de 9 meses, frente aos 6 meses doutros anos.

O alcalde de Touro, que exerceu de anfitrión, destacou que esta iniciativa servirá para “abrir as portas” do mercado laboral a 20 desempregados. Ofreceu o apoio do Concello de Touro e agradeceu á Administración autonómica aposta polo emprego no rural. Desexou aos alumnos que “todo vaia ben” e pedíulles que aproveitaran a formación para buscar unha saída profesional. “É unha boa oportunidade”, dixo.

Pola súa banda, o alcalde de O Pino, indicou que xa son catro anos que os dous concellos teñen un obradoiro de emprego conxunto. “Eso quere decir que o estamos facendo ben”. E puntualizou que “non é fácil que aconteza eso”. Tamén aproveitou para pedir aos alumnos que aproveiten a formación durante os 9 meses de convivencia e que ésta poida servir para “adquirir experiencia que permita a inmersión no mercado laboral”.

Os participantes no ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre I’, que percibirán unhas retribucións que lle corresponden de conformidade co previsto na normativa vixente, está inscrito nunha acción global que desenvolven os Concellos de Touro e O Pino e que ten como obxectivo a posta en valor do patrimonio natural e a inserción laboral de desempregados. Os dous Concellos tamén pretenden con esta acción mellorar a ocupación das persoas desempregadas neste territorio coa cualificación profesional adquirida a través da experiencia laboral mediante a realización de obras ou prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Entre os traballos previstos polos alumnos no Concello de Touro están o mantemento dos xardíns en Fonte Díaz, a posta en funcionamento da producción de planta no invernadoiro municipal e o mantemento das áreas recreativas de Santaia e Brandelos. No Pino traballarán nas áreas recreativas da Magdalena do Río Tambre e na de Ponte da Pedra, na carballeira de Gradamil, nos campos da festa de Pastor, Gonzar e Cerceda e na área de descanso en Lengüelle.