Touro poñerá en valor a ruta de sendeirismo que vai en paralelo ao Ulla dende Fervenza das Hortas-Santa Marta ata a desembocadura do Lañas e así completará con sendeiros os 50 quilómetros de terras do Concello bañadas polo Ulla

O GDR Ulla Tambre Mandeo apoiará cunha axuda de 38.000 euros a limpeza, sinalización e homologación desde sendeiro

Fonte Díaz. 15/09/2017. O Concello de Touro está perto de conseguir o obxectivo de unir con sendeiros os arredor de 50 quilómetros deste municipio que baña o río Ulla. O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla Tambre Mandeo aprobou o proxecto presentado polo Concello de Touro para poñer en valor o roteiro Unindo concellos a través o Ulla . O traxecto en paralelo ao río Ulla vai dende o Roteiro Fervenza das Hortas-Santa Marta, no límite co Concello de Arzúa, e a desembocadura do río Lañas no propio Ulla. Trátase de unha iniciativa non productiva e contará cun investimento de 42.000 euros. A axuda, que procede dos fondos Feder e de Agader, representa o 90% do investimento. O apoio rondará os 38.000 euros.

Os traballos para revitalizar esta ruta desenvolveránse durante os meses que faltan para rematar 2017 e durante os primeros meses do 2018. Consistirán no desbroce manual da ruta, na súa sinalización a través de placas, penais informativos e sinais de orientación e na homologación oficial. “Ten que estar rexistrada e homologada, ese é o noso obxectivo final para poñela en valor e para que os visitantes poidan disfrutar dunha ruta fermosísima”, aseguran dende o Concello de Touro. Unha empresa seleccionada comenzará en breve os traballos.

O sendeiro vai acompañando o curso do río Ulla. O Concello de Touro asegura que este roteiro conta cun “alto valor medioambiental”. Destacan que comenza moi próxima á Fervenza das Hortas, que no seu traxecto está a fervenza de Rosende, que cae directamente ao Ulla; e remata na desembocadura do Lañas tamén no propio Ulla. Conta tamén con outros elementos de interés no seu percorrido como o pazo de Rosende, diversos muíños e a Pena de Lourido. A ruta ten unha lonxitude de uns 14 quilómetros.

O Concello de Touro avanza así no obxectivo de unir cunha gran ruta de sendeirismo toda a súa beira do Ulla. Este tramo e o único que lle falta. E permitiría a unión coas rutas xa homologadas PRG 93 Ruta da Ribeira do Ulla, que percorre as parroquias de Novefontes, Fao e Ribeira; e co tramo que vai en paralelo ao Ulla da PGR 121 Ruta dos Tres Ríos. Por otra banda, Touro tamén conta cunha ruta ainda non homologada De Ponte a Ponte que une Ponte Remesquide con Ponte Ledesma, xa no Concello de Boqueixón. “Coa posta en valor da nova ruta que apoia o GDR conseguiremos o obxectivo de unir a nosa ribeira do Ulla, dende o límite co Concello de Arzúa ata o límite con Concello de Boqueixón”, destacan dende o Concello de Touro, que apunta a relevancia medio ambiental de toda esta ruta que percorrería arredor de 50 quilómetros.

O Concello de Touro avanza así, na parte que lle corresponde, no obxectivo de que o Ulla conte cunha gran ruta de sendeirismo contínua que vaia dende o seu nacemento ata a desembocadura no Atlántico. Os 20 concellos bañados polo río Ulla (Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla, Agolada, Santiso, Arzúa, Vila de Cruces, Touro, Silleda, Boqueixón, Vedra, A Estrada, Teo, Padrón, Pontecesures, Valga, Dodro, Catoira,  Rianxo e Vilagarcía de Arousa) tratan de poñer as bases para traballar no deseño desa gran ruta de sendeirismo contínua pola beira do río que serviría como buque insignia de promoción desta zona que acolle a eses 20 concellos e que afecta a tres provincias galegas (A Coruña, Lugo e Pontevedra).