Fonte Díaz. 16/08/2017. O Concello conta dende xullo cunha técnica de Turismo para impulsar o protagonismo da Ruta do Holandés, utilizada polos peregrinos ciclistas do Norte de Europa para chegar a Compostela, e poñer en valor o patrimonio natural e cultural do Concello ao longo de todo o ano. A administración local de Touro contratou, con apoio do programa da Deputación da Coruña, á técnica María Dolores Freijido Veloso, licenciada en Xeografía e Historia e que estará ao fronte da Oficina de Turismo do Concello de Touro.
O Concello de Touro pretende así, a través desta oficina, darlle maior visibilidade a un traballo feito durante os últimos anos e que pretende impulsar e darlle maior protagonismo ao eido do turismo vinculado á natureza. Un dos obxectivos da experta en Turismo é darlle máis protagonismo a Ruta do Holandés. Este traxecto que discurre polo Concello de Touro é utilizado cada vez máis por peregrinos en bicicleta do Norte de Europa que chegan a Compostela. A intención do Concello de Touro é que este percorrido teña un recoñecemento oficial a medio prazo. No Concello de Touro xa hai instalado un libro de rexistro para os peregrinos que pasan por esta ruta.
Por outra banda, Touro foi un dos concellos que lanzou o proxecto ‘Goza do Ulla’, fai xa sete anos. Esta iniciativa turística conta agora coa implicación de 20 concellos bañados polo Ulla e ten o aval da Administración autonómica para explorar a súa potencialidade durante os próximos anos. Touro tamén é protagonista na celebración dos ‘Xenerais do Ulla’, festa do entroido recoñecida no 2013 como ‘Festa de Interés Turístico de Galicia’. Son dous exemplos nos que o Concello de Touro quere xogar un papel fundamental para a promoción do seu territorio. Pero ademáis este concello conta con atractivos vinculados fundamentalmente á natureza que chaman cada ano a forasteiros de toda Galicia e do resto do territorio español. Touro conta cun área de autocaravanas. E recentemente puso en marcha o Centro de Interpretación do Río Ulla.
A nova Oficina de Información Turística do Concello de Touro encargarase de programar proxectos e actividades vinculadas á promoción do territorio para atraer visitantes e animar aos veciños a participar nesta programación.