O delegado da Xunta e o alcalde de Touro visitan o CPI Fonte Díaz, onde Educación acometeu unha reforma integral cun investimento de 544.000 euros

O proxecto, que se iniciou en xullo, tivo como principal obxectivo a mellora da eficiencia enerxética do centro educativo de Touro

Os traballos centráronse na reforma da cuberta, a substitución das portas e fiestras e na aplicación nos muros exteriores dun sistema de illamento térmico
 

Fonte Díaz. 09/11/2018. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, visitaron o Centro Público Integrado (CPI) Fonte Díaz de Touro, para comprobar as obras de reforma integral _enerxética e funcional_ levadas a cabo pola Consellería de Educación neste centro e que supuxeron un investimento de 544.000 euros.

Na visita, na que estivo tamén o director do centro educativo, Daniel Pereiro e outros membros da corporación municipal, Ovidio Rodeiro destacou que “o proxecto supuxo unha reforma integral do CPI Fonte Díaz, que non só permitirá aforrar no consumo de luz e calefacción, senón que tamén redundará nunha maior comodidade para o profesorado e o alumnado, así como axudará a contribuír na concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente con modelos de desenvolvemento sostible”. Ignacio Codesido, pola súa banda, agradeceu que o CPI Fonte Díaz fora un dos primeros centros elexidos para someterse a unha mellora integral e tamén valorou os efectos dos traballos acometidos.

Ovidio Rodeiro anunciou que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional continuará realizando proxectos deste tipo nos centros educativos e que no vindeiro ano está previsto que actuacións similares a este de Touro se leven a cabo nos CEIP da Ramallosa, en Teo, e no Felipe de Castro, de Noia.

O proxecto levado a cabo no CPI de Touro contemplou a reforma de todo o tellado do edificio principal do centro, dotándoo dunha capa de illamento, a modificación dos canelóns e substitución das baixantes; e aplicouse un sistema de illamento térmico nas paredes exteriores. Tamén nas fachadas exteriores substituíuse a vella carpintaría de fiestras e portas por outra de aluminio con rotura de ponte térmica, vidros de dobre folla e persianas metálicas integradas. Por último, cambiáronse as luminarias interiores das aulas e locais, que pasaron de ser tubos fluorescentes a focos con tecnoloxía led, e pintouse todo o interior do centro.

Desde que se puxeron en marcha estas accións, en 2016, a Consellería leva investidos máis de 13 millóns de euros en obras de rehabilitación enerxética e integral de 29 centros escolares de toda Galicia, todos eles construídos hai décadas.

Con estas actuacións a Consellería de Educación dá cumprimento á Estratexia Europa 2020 e á Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público galego para o período 2015-2020, na que a Xunta de Galicia é pioneira entre o conxunto de administracións públicas.