Feliz Día do Orgullo LGBT!

Hoxe luns 28 de xuño celébrase en diferentes países do mundo o Día do Orgullo LGBT (lesbianas, gays, bisexuais e transexuais).

Investigando de onde provén, veremos que o Día Internacional do Orgullo LGBT+ (lesbianas, gays, bisexuais e transexuais, mais outras orientacións sexuais non heteronormativas) tamén coñecido como Día do Orgullo Gay (en inglés, Gay Pride), abrangue unha serie de actos que a comunidade LGTB celebra anualmente de maneira pública para instar á tolerancia e á igualdade do seu colectivo. Esta festa ten lugar o 28 de xuño, día no que se conmemoran os disturbios de 1969 en Stonewall (EEUU), que marcaron o inicio do movemento de liberación homosexual.

A noción básica do “orgullo LGTB+” reside en que ningunha persoa debe avergoñarse do que é, sexa cal sexa a súa orientación sexual.

O termo “orgullo” refírese ao sentimento ou estima que cada persoa ten de si mesma como merecedora de respecto e consideración. Esta definición transmite a idea dunha dignidade intrínseca que todo ser humano posúe.

Non podemos poñer fin ás nosas diferenzas pero si podemos contribuír a que no mundo teñan cabida todas elas.

Desde este Concello queremos aportar un pequeno xesto á tolerancia, aceptación e comprensión deste colectivo.

Feliz Día do Orgullo LGBT!