INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO

 

RESOLUCIÓN DO 5 DE MARZO DE 2021 POLA QUE SE CONVOCAN, PARA A ANUALIDADE 2021, AS AXUDAS FINANCEIRAS DO PROGRAMA DE PRÉSTAMOS CUALIFICADOS PARA A REHABILITACIÓN DE EDIFICIOS E VIVENDAS, CON FINANCIAMENTO PLURIANUAL (CÓDIGO DE PROCEDEMENTO VI406B).

Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2021 as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B), que poderán consistir en:

a) Préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas concedidos polas entidades de crédito, no ámbito dos convenios asinados para estes efectos co Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

b) Axudas económicas directas, consistentes na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira.

Actuacións protexibles polo programa de préstamos cualificados

1. Obras de adecuación estrutural e construtiva, de adecuación das condicións de habitabilidade do edificio ou da vivenda e de mellora de eficiencia enerxética.

2. Obras de adecuación dos edificios ou das vivendas e os seus accesos á normativa vixente sobre accesibilidade. Relacionadas coa supresión de barreiras arquitectónicas.

3. Obras de adecuación do acabado xeral do edificio e das vivendas aos principios de la boa construción.

Non se poderán acoller a este programa as obras que afecten elementos decorativos e ornamentais, así como a instalación ou reforma de mobiliario, electrodomésticos ou similares.

As obras de rehabilitación non poderán estar iniciadas no momento de presentar a solicitude da axuda.

Persoas beneficiarias e axudas

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble, así como as persoas membros de comunidades de propietarios/as partícipes nas actuacións promovidas pola correspondente comunidade en función da súa porcentaxe de participación.

Así mesmo, as comunidades de propietarios/as poderán ser beneficiarias dos préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios, ben que non poderán obter axudas de subsidiación dos xuros dos citados préstamos.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.

Para acceder aos préstamos, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non deberán superar 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples . Esta limitación non se aplicará aos supostos de préstamos solicitados directamente polas comunidades de propietarios/as.

Para poder acollerse ás axudas económicas directas, os ingresos da citada unidade de convivencia non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.

A porcentaxe da subsidiación dos xuros devindicados dos préstamos virá determinada na resolución de concesión da axuda emitida polo IGVS e dependerá do nivel de ingresos da unidade de convivencia da persoa prestataria, segundo estes datos:

IPREM menor ou igual a 4: 100 % dos xuros

IPREM maior de 4 e menor de 5,5 : 80 % dos xuros

IPREM maior de 5,5 e menor de 6,5: sen subsidiación

O importe máximo do préstamo que poderá ser obxecto de subsidiación será de trinta mil euros (30.000 €) para os préstamos con garantía persoal e de sesenta mil euros (60.000 €) para os de garantía hipotecaria.

Prazo e presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de setembro de 2021 e, respecto das axudas económicas directas de subsidiación, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario

A solicitude dirixirase ao IGVS e realizarase na sede electrónica ou presencialmente, nos modelos establecidos ao efecto (https://sede.xunta.gal).