O Concello de Touro afianza a aposta polo Centro de Interpretación do Ulla (CIRU) para poñer en valor os recursos e o patrimonio do territorio que baña o río

Unha técnica traballa na programación de actividades e dotación de contidos do CIRU, ubicado en Fonte Díaz, e que pretende ser nexo de unión dos vinte concellos bañados polo Ulla 

 

O Concello de Touro afianza a súa aposta polo Centro de Interpretación do Ulla (CIRU), que está ubicado nun edificio na zona de servizos de Fonte Díaz, para poñer en valor os relevantes aspectos naturais, culturais e etnográficos do río Ulla e de todo o seu entorno. O centro serve de nexo de unión entre os vinte concellos bañados polo río Ulla e encárgase de promover, impulsar e dar a coñecer este rico ecosistema fluvial.

O Concello de Touro dotou de persoal ao citado centro de atención e dinamización do Río Ulla. A técnica, Cristina Vázquez Casal, desenvolve o traballo no Centro de Interpretación, que pretende abandeirar a dinamización e promoción dun río que exerce como vertebrador dun territorio que afecta a esa vintena de concellos e que implica ás provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña. “Queremos poñer en valor o territorio que baña o río Ulla”, explica Cristina Vázquez Casal, que agora traballa na programación de actividades e contidos do centro. Entre os proxectos máis inmediatos está “fomentar as visitas de escolares” e “impulsar un paquete turístico onde conste unha visita ao centro e visitas a lugares de interese na zona”.

A técnica tamén destaca que “se levará a cabo a dinamización do centro con actividades, cursos e charlas para axudar a dar a coñecer o río Ulla e a súa relevancia” e lembra que traballa no obxectivo de “encher o centro con contidos novos como elementos patrimoniais representativos da zona”. Cristina Vázquez Casal destaca que, por exemplo, traballa no deseño de mapas con información sobre a conca do río e de cada concello “para que o visitante teña una visión espacial do territorio”.

Na actualidade, no CIRU pódense ver aspectos da zona de influencia do río Ulla a través de paneis tales como rutas de sendeirismo, o Camiño do Holandés, fauna, flora, apicultura e tamén mostras da pegada humana: pontes, pesqueiras ou muíños. Tamén se pode atopar unha mostra do bosque do río Ulla e unha pequena exposición dos Xenerais da Ulla, típicos do entroido da zona. No CIRU realízanse visitas guiadas e outras actividades para maiores e cativos relacionadas coa natureza e os sentidos.

Como cada ano, está en marcha, con relevante éxito, o programa ‘Goza do Ulla’, unha iniciativa turística vinculada ao territorio e á natureza, que conta cunha programación dende a primavera ao outono de rotas de sendeirismo polos 20 concellos e sempre vinculadas ao Ulla. Ademáis tamén se programan outras actividades, ademáis das rotas, para dar a coñecer o río. “Todo o traballo que se ten feito arredor do Goza do Ulla serve para dotar de contido ao Centro de Interpretación”, explica a técnica, que lembra que esta nova infraestructura estará aberta a todos, a nenos e nenas, a maiores, a turistas, a foráneos e a veciños”.