A Xunta licita por 620.000 euros a rehabilitación enerxética do CPI Plurilingüe Fonte Díaz de Touro

A reforma integral do colexio, que se fará durante o verán, abrangue o illamento da fachada, substitución da cuberta, renovación das ventas e substitución de luminarias por outras de alta eficiencia enerxética, entre outras actuacións.

O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, coñeceu xunto co director do CPI, Daniel Pereiro, e o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, coñeceron o proxecto que acabará coas filtracións, humidades e a baixa iluminación natural das aulas.

Fonte Díaz (Touro). 27/02/2018. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licita a obra de rehabilitación enerxética do CPI Plurilingüe Fonte Díaz de Touro por un importe de 620.000 euros e un prazo de execución de dous meses e medio, tal como publicou onte o Diario Oficial de Galicia. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o centro para coñecer sobre o terreo o proxecto. Tamén participaron o director do colexio, Daniel Pereiro; o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, e outros membros da corporación así como técnicos que levan o proxecto.

Os traballos, que comenzarán cando remate o curso e estarán listos ao inicio do curso 2018/2019; supoñen unha reforma integral (enerxética e funcional) deste centro, que precisa dunha actuación para dotar de maior confortabilidade aos usuarios e acadar un aforro de custes de mantemento derivado dun menor consumo de luz e calefacción. O conxunto de edificios que conforman este colexio datan do 1974 e a súa tipoloxía construtiva presenta perdas térmicas na envolvente debido á carencia de illamento axeitado. O deseño da planta do edificio principal fai que as distintas aulas presenten un soleamento moi variado en función da súa orientación.

Logo do estudo enerxético relizado pola Consellería, detectáronse unha seria de deficiencias relativas á filtración de aire envolvente no edificio, de humidades nas ventas e nas caixas das persianas e de baixa iluminación natural nas aulas que xustifican dita intervención.

A actuación, que está cofinanciada con fondos FEDER, afectará ás fachadas, cuberta, carpinterías, luminarias e outros elementos das instalacións. Acometerase o illamento térmico da fachada exterior, a substitución da cuberta e o illamento de forxado no baixocuberta, a renovación das ventás por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Todas estas medidas combinadas superón un aforro enerxético anual do 29%. Tamén se substituirán os falsos teitos que se atopen en mal estado, e a reparación e pintado de paramentos interiores.

Esta rehabilitación integral do CPI Fonte Díaz enmárcase dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha en 2016 en toda Galicia, e que no presente ano 2018 suporá un investimento de preto de 4,5 millóns de euros en obras de mellora enerxética en 9 centros educativos, inluído o de Touro.

No marco do Plan de Dotación de Infraestructuras educativas, posto en marcha en 2016 e que conta cun orzamento global de 118,5 millóns de euros ata 2020, a Consellería desenvolverá ao longo deste ano obras de Rehabilitación Integral en 9 centros de ensino. Dous están ubicados na provincia da Coruña: este de Touro e o CPI Feal de Narón.