Evan Becerra, un veciño de Touro de 13 anos, campión de Bélxica de Karting

“Traballamos duro para cumprir os nosos soños, para chegar a ser algún día o primeiro campión galego de Fórmula 1”, asegura o seu pai

“Confiamos en que patrocinios galegos poidan axudarlle a levantar a bandeira galega e española nos máis alto nas grandes competicións”

 

Fonte Díaz. 19 de decembro de 2017. Evan Becerra Castro, de 13 anos e veciño da localidade de Calvos, no Concello de Touro, é campión de Bélxica de Karting. Vive coa súa familia en Bruxelas (Bélxica) e visita cada verán Galicia. Evan Becerra Castro conquistou na pasada tempada con 12 anos o campionato de Bélxica de Karting na categoría cadete. Este ano, de estreo na categoría junior, logrou o cuarto posto no campionato de Karting de Bélxica.

A proxección de Evan Becerra Castro é espectacular. O seu pai, José Luis Becerra, destaca o talento do seu fillo e tamén asegura que ten un gran potencial. “Estamos moi satisfeitos do noso primeiro ano junior nas competicións que participamos en Europa, onde existe moi bo nivel”. Evan Becerra participou do 15 ao 17 de outubro no IAME International X30 (http://www.iamekarting.com/home-x30-challenge-international). Este campionato, un dos máis importantes do mundo e

referente no eido do karting, celebrouse no mítico circuíto de Le Mans. “Fixemos moi boas prestacións no campionato do mundo”, asegura o seu pai, quen lembra que Evan Becerra finalizou no posto 44 dun total de 134 participantes. “O nivel foi altísimo e competimos con pilotos moi bos e que ademais teñen material que estrean nesa competición con mecánicos enxeñeiros á súa disposición”. O mecánico de Evan Becerra é o seu propio pai. José Luis Becerra é optimista para as próximas citas, como o Campionato de Europa de Karting. “Esperemos mellorar o próximo ano”. 

Como empezou a afeccionarse Evan Becerra á competición de Karting? “Empezou cos amigos para divertirse”, explica o seu pai. “Con tres anos xa íamos a circuítos onde poden alugarse os karts; ao principio subíase comigo e logo el xa só”. “Dende os tres anos xa non se baixou e así ata hoxe, que ten 13 anos”. Empezou co seu propio kart. “Trouxéronllo os Reis Magos”, lembra o seu pai. E aí empezou a súa traxectoria en competicións en Bélxica. Aos 9 anos comezou a participar en probas en categoría alevín. Ese ano finaliza sétimo no campionato de Bélxica de Karting na categoría alevín e terceiro na Copa Europa Chalenge. Aos 10 anos, tamén en categoría alevín, finaliza no cuarto lugar no Campionato de Bélxica de Karting. Aos 11 anos pasa a categoría cadete. E finaliza en oitavo lugar. O pasado ano, con 12 anos e o seu segundo ano en cadete, consegue o Campionato de Bélxica de Karting. Este ano pasou á categoría junior e finalizou no cuarto lugar.

José Luis, o pai de Evan Becerra, di que senten galego e de Touro. “ Evan coñece Touro desde que teñen oito meses”. Cada verán veñen a Galicia. “Viaxamos todos os anos a Touro; en Calvos temos a casa do meu avó e aí estamos todos os veráns, en agosto, pasando tres semanas con toda a familia”. Evan Becerra, asegura o seu pai, “ten morriña da terriña”. A nosa visita a Galicia todos os anos “é un momento especial”. Evan “ten un agarimo a Galicia incrible”.


Evan Becerra ten dobre nacionalidade (española e belga). O seu referente é Fernando Alonso. “O seu soño é poder conversar con el e poder correr con el”, afirma o seu proxenitor. Evan Becerra conta cun pequeno patrocinio para competir. A maioría de gastos asúmeos o seu pai. “A familia corre coa maior parte dos gastos, que son moitos”. O soño de Evan Becerra é chegar ao máis alto da Fórmula 1. “Traballamos duro para conseguilo, para chegar a ser o primeiro piloto galego en subirse ao podio da Fórmula 1 e ser campión do mundo”. O kart que utilizará nas competicións en 2018 lucirá o escudo oficial do Concello de Touro e a cuncha peregrino de Santiago de Compostela. “Temos esperanzas de que patrocinios galegos poidan axudarlle a levantar a bandeira galega e española no nivel máis alto”, volve destacar o seu pai e tamén mánager.

Máis información:

https://www.facebook.com/evanracing99/