Touro entrega os premios do I Concurso Plástico Dona Castaña

Fonte Díaz. 08/11/2017. O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, foi o encargado de entregar os premios aos gañadores do I Concurso Plástico Dona Castaña. Esta cita cos artistas máis pequenos, que se convoca dende o Concello de Touro por primeira vez, pretende incentivar o talento polas artes plásticas do máis novos e poñer en valor a castaña, tema central do concurso plástico e un froito do bosque que abunda nos montes de Touro. O alcalde de Touro agradeceu a participación e invitou a premiados e participantes a presentarse de novo no próximo ano.

Elexíronse tres gañadores por cada categoría. Na categoría Castaña Fresca, de 0-6 anos, resultaron premiados Noa Pérez, Santiago Fuentes e Iván Martínez. E na categoría de Castaña Pilonga, de seis a doce anos, os vencedores foron: Carlota Blanco, Fabiola Iglesias e Claudia Bolo.

O alcalde tamén entregou o premio á tapa gañadora da II Ruta da Tapa de Outono, que se celebrou durante os pasados días 31 de outubro e 1 de novembro. A gañadora foi a tapa do establecemento Louzao: Tosta gratinada, raviolis de cogomelos con bacon e filloa de polo con champiñóns. Pola súa banda, África Fernández Castro foi a gañadora dunha comida para dúas persoas que se sorteou entre os participantes no II Concurso Ruta da Tapa de Outono.