Os 20 concellos bañados polo Ulla recuperan, tras dous anos sin celebrarse a causa da Covid19, o programa ‘Goza do Ulla 2022’, que ofrece 19 rutas pola beira do Ulla desde xuño ata outubro

- Alcaldes, concelleiros e técnicos dos municipios participantes presentaron en Turexpo Galicia 2022, na Semana Verde, a iniciativa turística de referencia que promociona de xeito conxunto o sendeirismo pola natureza.

- O alcalde de Vedra, encargado da presentación do ‘Goza do Ulla 2022’, anuncia a creación a curto prazo da Asociación de Concellos do río Ulla para promocionar o territorio que baña o cauce desde diferentes ámbitos  

O programa de rutas de sendeirismo ‘Goza do Ulla 2022’ regresa con forza. Os vinte concellos bañados polas augas do río Ulla, impulsores deste proxecto pioneiro de turismo de natureza, presentaron hoxe en Silleda na feira Turexpo Galicia 2022, no marco da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, o programa ‘Goza do Ulla 2022’, una iniciativa que non pudo celebrarse nos dous últimos anos a causa da pandemia da Covid19. O ‘Goza do Ulla 2022’ ofrece un total de 19 rutas de sendeirismo para desfrutar do río Ulla desde o presente mes de xuño e ata finais de outubro. Cada ruta está programada nun Concello bañado polo río que discorre polas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Boqueixón e Vedra organizan conxuntamente o mesmo itinerario, que vai polos dous municipios. As camiñadas póñense en marcha o próximo 11 de xuño en Dodro e rematarán o 29 de outubro en Santiso. 

Na presentación en Turexpo participaron alcaldes dos concellos, concelleiros e técnicos. O alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, foi o encargado da presentación. Iniciou a súa intervevción facendo referencia ao Concello de Touro e ao seu alcalde, Ignacio Codesido, de quen dixo que é o principal impulsor desta iniciativa. E destacou que os 20 concellos traballan na creación de unha Asociación de Concellos do río Ulla, unha iniciativa que podería concretarse nos próximos meses e que “serve de exemplo de colaboración intermunicipal”. “Temos xa as bases para converternos nun destino fluvial de referencia”, apuntou o rexedor de Vedra, quen incluso aportou a modo de exemplo o nome de Ribeira do Ulla. Na súa opinión, este territorio, máis alá dun programa de rutas de sendeirismo, ten moito que ofrecer. E destacou a pesca, a historia, o patrimonio natural, a música ou a gastronomía. “Témolo todo”, dixo Martínez Carrillo, quen incluso marcou un prazo de tempo de “oito ou dez anos” para que os 20 concellos do Ulla “sexan un referente”. 

Pola súa banda, Álvaro Carou García, concelleiro de Turismo de Vilagarcía de Arousa, foi o encargado de explicar o programa polo miúdo. Dixo sertirse orgulloso da colaboración entre os 20 concellos. Tamén lembrou que o río Ulla, que é nexo de unión entre os municipios, desemboca nun dos 16 Parques Nacionais que hai en España. Lembrou que a primera ruta xa está prevista para o próximo 11 de xuño en Dodro. “Convidamos a todos os afeccionados ao sendeirismo de natureza a participar”. Carou lembrou que é precisa inscrición previa. Toda a información pode atoparse nas redes sociais de Goza do Ulla e nas webs dos 20 concellos participantes. 

Pechou a presentación a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita Urgoiti, quen felicitou aos 20 concellos pola iniciativa para promocionar de xeito conxunto o turismo de natureza. “É unha honra participar nesta presentación”, dixo. Tamén destacou que Galicia, mentres durou a pandemia, foi quen de sair adiante a través de iniciativas de turismo non masificado e de natureza.  

Programa Goza do Ulla 

O programa Goza do Ulla naceu no ano 2011 coa participación de cinco concellos (Touro, Boqueixón, Vedra, Santiso e Arzúa). Once anos despois toman parte 20 municipios de tres provincias: Lugo Pontevedra e A Coruña. Son os concellos da Estrada, Agolada, Antas de Ulla, Arzúa, Boqueixón, Catoira, Dodro, Monterroso, Padrón, Palas de Rei, Pontecesures, Rianxo, Santiso, Silleda, Teo, Touro, Valga, Vedra, Vila de Cruces e Vilagarcía. 

A programación para o 2022 será a seguinte: Dodro (Brañas de Laíño, de 14 km, o 11 de xuño); Vila de Cruces (Ponte Basebe-Illa Remesquide, de 13 km, o 26 de xuño); Palas de Rei (Ruta das Torrentes, 6 km, o 16 de xullo); Boqueixón-Vedra (Unindo roteiros… ao pé do Ulla, de 10 km24 de xullo); Agolada (Canle de Ramil-A contorna do Ulla, de 10 km, o 13 de agosto); Monterroso (Do vello ao novo Montorreso e O muíño do alemán, de 27 km, o 25 de agosto), A Estrada (Os sons do Ulla, de 12 km, o 27 de agosto); Pontecesures (Ollando o Ullán, de 15 km, o 28 de agosto), Antas de Ulla (Ulloando polo nacemento, 12 kmo 4 de setembro); Vilagarcía de Arousa (Da illa Cortegada ao miradoiro da Cruz de Ferro en Xiabre, de 14 kilómetroso 11 de setembro); Arzúa (Ruta da fervenza das Hortas, de 19,5 kilómetros, o 24 de setembro); Teo (Ribeira teense do Ulla, de 9 km, o 25 de setembro); Touro (Variante circular PRG 121 ‘Polos camiños naturais do Lañas, Ulla, Basebe e Novefontes, de 16,4 km, o 1 de outubro); Catoira (As pedras miúdas. Á ribeira do Ulla, de 12 km, 2 de outubro); Rianxo (As tres cruces, 11 km, o 8 de outubro); Valga (Vistas do Ulla e afluentes, de 12 km, o 9 de outubro); Padrón (Polas ribeiras do Ulla, de 12 km, o 15 de outubro); Silleda (Illa de Gres-praia fluvial de Cira, de 10 km, o 22 de outubro); e Santiso (Circular de Beigondo, de 7 km, o 29 de outubro). 

IMG 20220602 WA0038