As obras de canalización do rego de portapego en fonte díaz, xa rematadas, evitan os asolagamentos

Estas obras de humanización contaron cun orzamento de preto de 44.000 euros e foron posibles grazas a un convenio de colaboración entre o Goberno autonómico e o concello

O delegado da Xunta anunciou que a Xunta convocará en marzo axudas por 2,3 millóns de euros para mellorar infraestruturas en municipios de menos de 20.000 habitantes

Touro (A Coruña), 15 de febreiro de 2021.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, supervisaron as obras de canalización do rego Portapego en Fonte Díaz no núcleo do concello. Esta actuación permitirá evitar os asolagamentos que se producen na actualidade debido aos problemas de canalización que se rexistran na localidade de Fonte Díaz.

Asemade as obras contemplaron outra actuación na rúa Ramón Cabanillas o que permitiu duplicar a canalización do rego do Portopego, co fin de solucionar as problemas de enchentes existentes e mellorando as condicións de drenaxe. Tamén se instalaron arquetas de acceso á canalización para as oportunas operacións de mantemento e rematouse coa reposición da pavimentación afectada no transcurso da obra. Asemade, deuse continuidade ao itinerario peonil xa existente. O importe desta obra ascendeu a preto de 44.000 euros.

O delegado da Xunta lembrou que estas obras de humanización foron posibles grazas a un convenio de colaboración firmado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Goberno local. Trenor destacou que esta actuación enmarcouse dentro do plan Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai unha década para apoiar ás entidades locais en accións que contribúan a humanizar e incrementar os seus espazos de uso público, promovendo á vez o reequilibrio territorial.

Pola súa banda, o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, destacou a relevancia desta obra. “Era moi necesaria e importante para Fonte Díaz e para todos os seus veciños e veciñas”. O rexedor lembra que mentres non se acometeu este investimento os asolagamentos estaban presentes nesta zona da capital de Touro. “No inverno e con moita choiva sempre tiñamos este problema porque a canalización non era suficiente e sempre quedaba tapada polo barro, por follas e maleza, saindo a auga ao exterior e asolagando una parte destas rúas”. Ignacio Codesido agradeceu a acción da Xunta. “Agora temos unha canalización completa e suficiente que resolve un problema ao que era urxente buscarlle unha solución”, rematou o alcalde.

 

Nova convocatoria

En 2021 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda manterá esta liña de colaboración cos concellos, reservando nos seus orzamentos máis de 7,4 millóns de euros para financiar actuacións en municipios e contornas urbanos. Neste senso, o delegado do Goberno autonómico anunciou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicará, no mes de marzo, unha nova orde de axudas dotada con 2,3 millóns de euros e destinada á creación ou mellora de infraestruturas en concellos de menos de 20.000 habitantes. A convocatoria, de carácter bianual, reservará 1,3 millóns para financiar actuacións municipais este ano e outros 950.000 euros quedarán para o próximo exercicio. O resto do orzamento destinarase a actuacións municipais que cumpran cos obxectivos de dinamización social e humanización inspiradores do devandito Plan Hurbe.

O representante da Xunta lembrou que a Xunta puxo en marcha este programa no ano 2010 para contribuír á posta en valor das vilas galegas e dos núcleos rurais a través da colaboración económica coas entidades locais na execución de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciar infraestruturas, servizos e equipamento públicos, e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños.


Na última década e con cargo ao Plan Hurbe, a Consellería de Medio Ambiente executou ou comprometeu un total de 317 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, actuacións que supoñerán a mobilización de 148,96 millóns de euros.

20210215 131143