Recoñecemento de Touro a sete mestres recén xubilados

Fonte Díaz. 15/08/2016.

O Concello de Touro non deixou pasar a ocasión de brindar un recoñecemento dos veciños e veciñas a sete mestres e mestras do Colexio de Fonte Díaz recén xubilados nos últimos dous cursos. E que mellor oportunidade que darlle unha homenaxe durante a XXIV Festa da Terceira Idade que se celebrou onte en Fonte Díaz e á que acudiron arredor de 800 maiores de todo o Concello. Os mestres e mestras homenaxeados foron Roberto Casal, Julián González, Francisco Álvarez Vázquez, Dolores Rodríguez Feliz, Rosario Tarrío, José Luis Lago e Elisa Moire. Os dous últimos mestres desta pequena lista ausentáronse, pero os outros cinco mestres, acompañados dos seus maridos e das súas esposas acudiron puntuais. Algúns dos mestres homenaxeados, como por exemplo Francisco Álvarez Vázquez, inauguraron as instalacións do Colexio de Fonte Díaz. Dende o ano 1974 ata a súa xubilación pasaron 44 anos nos que impartiu docencia. Foi o xefe de Estudos durante unha boa parte da súa carreira profesional no colexio de Fonte Díaz. Pola súa banda, Roberto Casal, que exerceu de director do colexio ata a súa xubilación, estivo 37 anos no colexio. “Pasaron moitas xeracións de nenos e nenas”, apuntan os dous docentes. “Foron anos maravillosos que nunca esqueceremos, Touro e a súas xentes sempre estarán no noso corazón”. Os docentes homenaxeados tamén quiseron lembrar a mestres que se xubilaron uns anos antes que eles e que tamén deixaron moi boas lembranzas como Maria do Carmen Duro, Ánxela Castro Ferro ou Gonzalo Otero Soengas.

Os homenaxeados na XXIV Festa da Terceira Idade de Touro agradeceron o apoio incondicional durante décadas das xentes do Concello. “Foi unha honra exercer a docencia no Colexio de Touro”, apuntaron todos. Pola súa banda, o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, en nome dos habitantes de Touro, agradeceu aos mestres e mestras a súa entrega e dedicación para formar a centos e centos de nenos e nenas. “A educación é fundamental para o desenvolvemento dun pobo”, explicou Ignacio Codesido, quen lembrou que os mestres e mestras homenaxeados “sempre apostaron por fomentar a educación entre os máis novos e por facer valer o talento nas xentes que viven nos concellos do rural, coma Touro”.

 

Foto 1. De esquerda a dereita: 1º Ignacio Codesido, 2ª Dolores Rodríguez Feliz, 5º Francisco Álvarez Vázquez, 6º Roberto Casal, 7º Rosario Tarrío, 8º Julián González. As persoas que que non están identificados son esposas ou esposos dos homenaxeados.