Touro pon en valor a ‘Ruta do Holandés’ co I Trofeo de Ciclismo Concello de Touro Camiño do Holandés que se disputará o próximo domingo nun circuito de 67 quilómetros polas estradas do municipio

O Concello de Touro pretende poñer en valor a ‘Ruta do Holandés’ coa celebración o próximo domingo, día 3 de abril, do I Trofeo de Ciclismo Concello de Touro Camiño do Holandés. A proba ciclista para categorías Máster 30, 40, 50 e 60 é puntuable para  a Challenge CCAGC O Pino-Touro-A Estrada (Club Ciclista Asociación Galega de Ciclistas), que consta doutras dúas probas ademáis da de Touro: a do Pino, xa celebrada, e a da Estrada, que se celebará o 24 de abril.
O Concello de Touro pretende coa proba ciclista do próximo domingo dar visibilidade á ‘Ruta do Holandés’, que se converteu nunha das vías favoritas para os peregrinos que deciden facer o Camiño Francés de Santiago en bicicleta. A baixa afluencia de caminantes convértena nunha alternativa cómoda e tranquila para os cicloturistas holandeses e do norte e centro de Europa.
O I Trofeo de Ciclismo Concello de Touro Camiño de Holandés dispútase o domingo a partir das 10.30 horas. A saída e a chegada estarán en Fonte Díaz, capital do Concello. O circuito consta de 67,40 quilómetros ao longo das estradas do Concello. Bao parte da proba percorrerá a AC-240, pola que discurre a 'Ruta do Holandés'. Está previsto que a proba remate entre as 12.30 e as 13.00 horas. Juan Bello, organizador da proba e vinculado ao CCAGC, destaca que o traxecto será “espectacular”. “A proba percorre as estradas de Touro e chegará a paraxes fermosas á beira do Ulla”. Ao seu xuizo, “valerá a pena facela e tamén acudir como espectador”. Os organizadores catalogan esta proba como “unha clásica de inverno” polas datas nas que se celebra, pola paisaxe e pola orografía. Non será posible encontrar máis de 1,5 quilómetros sen subidas ou baixadas.  Ao final de proba do domingo haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría.