Avanzan as obras para a construcción da senda peonil entre Fonte Díaz e o empalme de Vilar, no Concello de Touro

Fonte Díaz. 06/05/2016. Os obras para a construcción dunha senda peonil entre Fonte Díaz e o empalme de Vilar, no Concello de Touro, avanzan a bo ritmo. Os traballos para dotar da senda peonil, que para avanzar aproveitaron estes últimos días de bo tempo, atópanse agora nas inmediacións da localidade de Loxo, na estrada AC-240. Os traballos, figuran no Plan de Sendas de Galicia, contan cun orzamento de medio millón de euros e están cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

 

O proxecto consiste na execución de sendas de formigón polas dúas marxes da estrada entre Fonte Díaz (PK 12+900) e o empalme de Vilar (PK 25+800), en treitos descontinuos que complementarán ás beirarrúas e senda xa existentes nalgúns tramos. O seu obxectivo é dotar a este tramo da estrada dunha zona diferenciada para o tránsito de peóns. Unha vez rematadas as obras, a estrada contará cun itinerario peonil continuo pola súa marxe dereita en todo o tramo de actuación e tamén con sendas nos tramos máis consolidados da marxe esquerda. Para isto, construiranse máis de 5,5 quilómetros de nova senda, discorrendo case 1,7 km pola marxe esquerda e preto de 3,6 km pola marxe dereita, e repararanse máis de 650 metros de tramos xa existentes. As obras levaranse a cabo na zona de dominio público do vial, polo que non se precisarán expropiacións.