A actualidade política capitaliza a batalla dialéctica dos 'xenerais da Ulla' de Bama

BAMA. 04/02/2018. O procés catalán, o debate monarquía-república, a pugna entre Donald Trump e Kim Jong-un e o panorama político galego  centraron esta tarde a batalla dialéctica dos xenerais da Ulla de Bama, no Concello de Touro, no xa tradicional domingo de Corredor. Foron batallas verbais cheas de referencias políticas sobre a máis candente actualidade. “Isto de referendo / foiche unha boa trapallada / algún votou tres veces / e outro non votou nada”. Así falou o xeneral que representou ás fomacións que defenden a Constitución Española. E o xeneral independentista contestoulle: “Nós temos un presidente / que nos defende con paixón / non como o voso Rajoy / que está cheo de corrupción”. O xeneral  constitucionalista replicou: “O voso presidente / está de vacacións en Bruselas / facendo amigos coma Maduro / o presidente de Venezuela”. E o xeneral independentista contrarreplicou: “Non faledes de amigos / tedes moito que calar / que ata o voso presidente / na Gurte foi declarar”.

A parroquia de Bama, en Touro, acolleu hoxe domingo a cita do tradicional Entroido do Concello de Touro. Foi un día frío de chubascos e sol. Centos de persoas, moitas delas disfrazadas, acudiron a unha celebración na que os protagonistas foron os xenerais da Ulla. A 'parranda', composta por medio centenar de mozos da parroquia disfrazados e con traxes tradicionais galegos, foi a encargada de dar o pistoletazo de saída ao entroido de Bama. Cantaron os seus temas a eso das 17.00 horas diante do palco instalado no campo da festa de Bama. Alí interpretaron unhaS coplas con axuda do público.

Logo chegou a hora dos Xenerais da Ulla. No centro do campo da festa, e baixo un arco de mimosas, enfrontáronse dialécticamente por parellas. Os temas dos que falaron foron o procés independentista de Cataluña, a escalada verbal entre Donald Trump e Kim Jong.un, o debate entre monarquía e república e a situación da política galega. Neste último caso, un xeneral fixo de Núñez Feijoo e outro, de Luis Villares. O combate comezou pasadas as 17.300 horas e durou algo máis de media hora. A continuación chegou a quenda de 'a vellada', onde os maiores da parroquia representaron aos políticos e os seus enfrontamentos. Xa ao final da celebración, apareceron os 'frades' que afrontan o 'pregón do frade', coplas que contan o que preocupa aos mozos da parroquia. A festa continuou durante toda a tarde. Houbo premios para os mellores disfraces.