Xa comenzaron as obras de rehabilitación enerxética do CPI Plurilingüe Fonte Díaz de Touro

A reforma integral do colexio, que se fará durante as vacacións de verán dos alumnos, abrangue o illamento da fachada, substitución da cuberta e a renovación das ventás, entre outras actuacións

Fonte Díaz (Touro). 20/07/2018. Xa comenzaron as obras de rehabilitación do CPI Plurilingüe Fonte Díaz de Touro, que contan cun presuposto de 620.000 euros. Os traballos, que se iniciaron fai unhas semanas, estarán listos ao inicio do curso 2018/2019. O proxecto supón unha reforma integral (enerxética e funcional) deste centro, que precisa dunha actuación para dotar de maior confortabilidade aos usuarios e acadar un aforro de custes de mantemento derivado dun menor consumo de luz e calefacción. O conxunto de edificios que conforman este colexio datan do 1974 e a súa tipoloxía construtiva presenta perdas térmicas na envolvente debido á carencia de illamento axeitado. O deseño da planta do edificio principal fai que as distintas aulas presenten un soleamento moi variado en función da súa orientación.

Logo do estudo enerxético relizado pola Consellería, detectáronse unha serie de deficiencias relativas á filtración de aire envolvente no edificio, de humidades nas ventas e nas caixas das persianas e de baixa iluminación natural nas aulas que xustifican dita intervención.

A actuación, que está cofinanciada con fondos FEDER, afectará ás fachadas, cuberta, carpinterías, luminarias e outros elementos das instalacións. Acometerase o illamento térmico da fachada exterior, a substitución da cuberta e o illamento de forxado no baixocuberta, a renovación das ventás por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético anual do 29%. Tamén se substituirán os falsos teitos que se atopen en mal estado, e a reparación e pintado de paramentos interiores.

Esta rehabilitación integral do CPI Fonte Díaz enmárcase dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha en 2016 en toda Galicia, e que no presente ano 2018 suporá un investimento de preto de 4,5 millóns de euros en obras de mellora enerxética en 9 centros educativos, inluído o de Touro.