Touro Nadal

Tradición e cultura da man das máis diversas actividades para gozar das festas máis esperadas do ano polos peques e os que non o son tanto.

 
As máxicas datas do Nadal necesitan dunha programación especial orientada particularmente cara aos máis pequenos da casa e nese sentido o concello de Touro organiza toda unha serie de actividades tratando de satisfacer ao seu público máis esixente.
 
Asi, durante o mes de decembro as tardes dos mércores convértense na TARDES DIVERTIDAS DE NADAL, dúas horas de actividades diversas nas que grandes e pequenos empezan a imbuírse do espírito do Nadal para dar paso á primeira gran festa destas datas: ANIMAXIA MUSICAL. Unha xornada na que entre xogos e bailes, os pequenos recibirán a tan ansiada chegada do Apalpador.
 
A segunda das festas virá das mans da Banda Isabel II e a Banda Xuvenil co xa tradicional CONCERTO DE NADAL e a entrega de premios do XII CONCURSO DE FOTOGRAFÍA Touro en Imaxes. Sen esquecer que para as mañás de vacacións os máis pequenos contan co NADAL LÚDICO, onde gozarán das máis variadas actividades durante máis de tres horas.
 
No tramo final destas festas, como marca a tradición, a FEIRA e CABALGATA DE REIS, todo un festival para os sentidos, onde grandes e pequenos verán cumpridos todos os seus desexos a carón do BELÉN VIVINTE.