O Concello de Touro repartirá mascarillas en todos os fogares

O #ConcellodeTouro, despois de intensos trámites e xestións durante os últimos días, adquiriu para repartir entre a súa poboación un total de 8.000 mascarillas. A compra foi feita en coordinación co Concello de Arteixo.

O Concello de #Touro, coa chegada do novo material, comenzará mañá mesmo (mércores 15 de abril) o reparto das mascarillas quirúrxicas nos fogares das 19 parroquias que integran o Concello.

Ao longo dos próximos días, todos os veciños e veciñas de Touro recibirán nas súas casas dúas mascarillas quirúrxicas por persoa. No caso de que o Concello consiga máis material, haberá novas entregas das que a veciñanza será tamén informada.
O Concello de Touro agradece unha vez máis a colaboración dos veciños e veciñas e pide comprensión entre a veciñanza, xa que o reparto levará un tempo. Solicita tamén a veciños e veciñas o uso responsable das mascarillas e dos Equipos de Protección Individual.

O Concello de Touro informa tamén que hoxe mesmo (martes 14 de abril) recibiu unha doación da empresa Construcciones Francisco Gómez, con sede no propio Concello, de material de protección fronte ao COVID19. Concretamente esta empresa entregou ao Concello 100 traxes de protección, 100 calzas, 100 gorros e 50 lentes de protección para as persoas máis expostas a un posible contaxio de coronavirus. Esta compañía tamén informa que nos próximos días fará ao Concello unha entrega de mascarillas.

O Concello de Touro dende fai semanas xa está repartindo equipos de protección individual (EPI) doados por varias empresas e particulares entre os colectivos de risco, como persoal do Centro Médico, da Residencia de Maiores, traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e traballadores do propio Concello de Touro.

O Concello de Touro agradece ás diferentes empresas as aportacións desinteresadas de material de protección que fixeron nos últimos días e que continúan facendo para previr contaxios de COVID19 entre a poboación e nos colectivos de traballadores máis expostos.

GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN E COIDÁDEVOS MOITO. CONCELLO DE TOURO.