O loitador de Loxo Damián Iglesias parte para o Centro de Tecnificación Deportiva de Palma de Mallorca coa vista posta nas Olimpiadas de Tokio 2020

O Concello de Touro réndeulle hoxe unha homenaxe coa seguridade de que chegará a campión do mundo de Loita Libre Olímpica e o alcalde pediu máis apoio público para deportistas e deportes como a Loita Olímpica

 

Fonte Díaz. 19/09/2016. O Concello de Touro despediu hoxe cunha homenaxe a Damián Iglesias Vilela, campión de España de Loita Libre Olímpica nas categorías cadete, júnior e sénior. O loitador natural de Loxo, Concello de Touro, foi seleccionado para continuar a súa formación no Centro de Tecnificación Deportiva de Palma de Mallorca, punteiro na súa especialidade. A Federación Galega de Loita destaca que o obxectivo de Damián Iglesias Vilela é conseguir a curto prazo unha beca ADO, estar entre os cinco mellores do mundo e xa a medio prazo conseguir a clasificación con acceso directo para participar nas Olimpiadas de Tokio 2020.

Hoxe foi un emotivo día no Concello de Touro. Ata alí achegouse Damián Iglesias Vilela para despedirse. Mañán partirá cara Palma de Mallorca. Acompañáronno hoxe os seus pais, residentes na parroquia de Loxo. Tamén estivo o presidente da Federación Galega de Loita, José Luis Olazabal Ibars; o director técnico da federación, Pablo Figueroa; e os seus entrenadores: Ramón García e Diego Pallares. O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, recibíunos na sede do Concello. O rexedor estivo acompañado polos concelleiros de Deportes, Adela Iglesias; de Educación, María Vitoria Pazos; de Cultura, Jesús Martínez; e de Promoción de Emprego, María Josefa Codesido. Tamén estivo o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, onde tamén hai unha canteira destacada de loitadores.

Damián Vilela, de 22 anos, parte para Palma de Mallorca para continuar a súa formación y confirmar a proxección como deportista de élite nos próximos anos. Damián Iglesias é campión de España de Loita Libre Olímpica nas categorías cadete, júnior e sénior, forma parte do Equipo Nacional que fixo o último ciclo olímpico para Río 2016, participou nos dous últimos Campionatos de Europa sub-23, foi 5º no Torneo Internacional de Siberia (Rusia) no 2010 e estivo becado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra do ano 2009 ao 2016. Na Federación Galega de Loita están convencidos de que Damián Iglesias é “un dos mellores deportistas galegos cunha das mellores proxeccións a curto prazo”.

O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, tivo unhas palabras para Damián Iglesias, a quen agradeceu que sempre leve o nome de Touro polo mundo adiante. O rexedor agredeceu o esforzo dos pais de Damián Iglesias, dos seus adestradores e da Federación. “Eres o noso embaixador”, apunto Ignacio Codesido, quen augurou que o deportista de Loxo non tardará en proclamarse Campión do Mundo. Tamén aproveitou para reclamar axudas das Administracións para os deportistas que demostran a súa valía. “Merece a pena apostar por eles”. Nesta misma liña falou o presidente da federación. “Toda axuda é pouca”, afirmou José Luis Olazabal, quen augurou que de Damián Iglesias “vaise falar moito nos próximos anos”. Lamentou que deixe Pontevedra porque alí “é un referente para os rapaces e rapazas que quedan”, pero tamén lle desexou moita sorte na súa nova meta en Mallorca, “onde seguro que acadará un altísimo nivel”.

Damián Ilgesias agradeceu o apoio á federación, ao Concello, aos seus adestradores e aos seus pais. “Sen o apoio de todos non tería chegado ata aquí”, falou o deportista, quen asegura que no defraudará a ninguén. Promete traballo. E xa ten no seu horizonte a clasificación para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020. Eso é a medio prazo. A curto prazo pretente conseguir unha beca ADO, que lle daría certa estabilidade e tranquilidade para competir. Para ter unha beca ADO tería que estar ente os 5 mellores do mundo na súa especialidade nos próximos anos. Na federación galega están convencidos de que a súa estadía en Mallorca supoñerá un antes e un despois. “É un saldo de calidade na súa formación como deportista de élite”, asegura Pablo Figueroa, director técnico da Federación Galega de Loita, quen destaca que alí están os mellores deportistas e técnicos referentes como Francisco Sánchez Parra, Ulises Sánchez Para ou Vicente Lillo. Todos están convencidos de que os éxitos seguirán. Porque Damián Iglesias “é un referente como deportista e como persona”, destacou José Luis Olazabal.