Touro celebrou o Día das Letras Galegas cun concerto da Banda de Música Isabel II

Fonte Díaz. 15/05/2017. O Concello de Touro celebrou o Días das Letras Galegas, este ano adicado a Carlos Casares, cun concerto da Banda de Música Isabel II de Touro na Casa da Cultura. A banda Xuvenil de Touro iniciou o concerto pasadas as 18.30 horas do sábado, 13 de maio de 2017. Posteriormente continuou a Banda de Música Isabel II de Touro, ante un auditorio cheo de xente que se achegou ata a Casa de Cultura para disfrutar da música. A banda interpretou un repertorio con temas galegos e rematou o concerto co Himno Galego. Asistiron, ademáis de veciños e forasteiros, o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, e o presidente da Asociación Banda Isabel II de Touro, Manuel Rodríguez Calvo. Ao final sorteáronse entre o público varios exemplares do poemario Poemas e trobas de Manforote, de Manuel Fortes Otero, poeta de Novefontes, Concello de Touro.

As celebracións continuarán mañán martes, 16 de maio, co Gran Xogo das Letras Galegas para nenos e nenas a partir de seis anos, actividade impartida por Eduvía na programación de Ler conta moito, e organizada polo Concello de Touro. A través dun divertido xogo por equipos, os participantes coñecerán algo máis sobre a orixe e significado do Día das Letras Galegas e os autores homenaxeados ata o momento ao tempo que descubrirán interesantes datos sobre a vida e obra do autor homenaxeado este ano. Será ás 17.30 horas tamén na Casa da Cultura.