Touro estrea a ruta de sendeirismo que vai en paralelo ao Ulla dende Fervenza das Hortas ata a desembocadura do Lañas e completa así con sendeiros os 50 quilómetros do Concello bañados por este río

O Concello rehabilitou e acondicionaou a senda con apoio do GDR Ulla-Tambre-Mandeo a agora tramita a súa homologación.

Fonte Díaz. 08/12/2017. Xa é posible percorrer a pé a beira do Ulla que baña o municipio de Touro. O Concello de Touro xa rematou o acondicionamento da nova ruta ‘Unindo camiños a través do Ulla’. Agora xa se poden andar os 50 quilómetros que o Concello de Touro ten na beira deste río que divide e ao mesmo tempo une as provincias da Coruña e Pontevedra. O acondicionamento para a práctica do sendeirismo en plena natureza foi posible gracias á iniciativa non productiva liderada polo Concello de Touro e que contou cun investimento total de 42.000 euros. A axuda, que procede dos fondos Feder e de Agader, representan o 90% do investimento. Este apoio ronda os 38.000 euros. A ruta comenza no límite do Concello de Arzúa, na Fervenza das Hortas-Santa Marta e chega ata a desembocadura do río Lañas no propio Ulla. Aí remata esta nova ruta que xa pode ser utilizada polos amantes do sendeirismo.

Os traballos desenvolvéronse durante as últimas semanas. Primeiro elaborouse un estudio de definición de sendeiro e tamén un plan de xestión de residuos xerados. Posteriormente procedeuse á limpeza e desbroce da ruta mediante medios mecánicos e manuais. Tamén se construiron pasos e barandillas de madeira e pasarelas en zonas baixas. A nova ruta que une As Hortas-Santa Marta coa desembocadura do Lañas conta con sinalización: marcaxe con sinais de pintura para a orientación, balizas de madeira e paneis informativos para dar a coñecer as riquezas da ruta. Xa se pode facer uso do novo traxecto sen medo a perderse.

Agora, unha vez rematados os traballos, a ruta vai ser rexistrada e homologada. Os trámites xa están en marcha na Federación Galega de Montañismo. A inicios de ano, según previsión do Concello, xa contará coa homologación.

O Concello de Touro asegura que este roteiro conta cun “gran valor patrimonial-medioambiental”. Destaca que comenza moi próxima á Fervenza das Hortas, que no seu traxecto está a fervenza de Rosende, que cae directamente ao Ulla; e remata na desembocadura do Lañas tamén no propio Ulla. Conta tamén con outros elementos de interés no seu percorrido como o pazo de Rosende, diversos muíños, a Pena Furada, a Pena Grande de Lourido e a Pena das Letras. A ruta ten unha lonxitude de uns 14 quilómetros.

O Concello de Touro avanza no obxectivo de unir cunha gran ruta de sendeirismo toda a súa beira do Ulla. Este tramo e o único que lle falta. E permite a unión coas rutas xa homologadas PRG 93 Ruta da Ribeira do Ulla, que percorre as parroquias de Novefontes, Fao e Ribeira; e co tramo que vai en paralelo ao Ulla da PGR 121 Ruta dos Tres Ríos. Por outra banda, Touro tamén conta cunha ruta ainda non homologada De Ponte a Ponte, que vai en Rede Natura e que une Ponte Remesquide con Ponte Ledesma, xa no Concello de Boqueixón. “Coa posta en valor da nova ruta que apoia o GDR conseguimos o obxectivo de unir a nosa ribeira do Ulla, dende o límite co Concello de Arzúa ata o límite con Concello de Boqueixón”, destacan dende o Concello de Touro, que apunta a relevancia medio ambiental de toda esta gran ruta que percorre arredor de 50 quilómetros.

O Concello de Touro avanza así, na parte que lle corresponde, no obxectivo de que o Ulla conte cunha gran ruta de sendeirismo contínua que vaia dende o seu nacemento ata a desembocadura no Atlántico. Os 20 concellos bañados polo río Ulla (Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla, Agolada, Santiso, Arzúa, Vila de Cruces, Touro, Silleda, Boqueixón, Vedra, A Estrada, Teo, Padrón, Pontecesures, Valga, Dodro, Catoira,  Rianxo e Vilagarcía de Arousa) tratan de poñer as bases para traballar no deseño desa gran ruta de sendeirismo contínua pola beira do río que serviría como buque insignia de promoción desta zona que acolle a eses 20 concellos e que afecta a tres provincias galegas (A Coruña, Lugo e Pontevedra).

Foto: Fervenza de Amador Sánchez